Unhas poucas cuestións previas (acerca do proceso de escritura de “As cancións que lles cantaban aos cativos”)

Publicado en Sermos Galiza nº 233 (9-2-2017)

A acción de As cancións que lles cantaban aos cativos desenvólvese nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela durante a primavera do movemento 15 M, uns meses antes de que ETA anuncie, en outubro de 2011, o cesamento definitivo da actividade armada, e remóntase á década dos 80 do século pasado, os anos do terrorismo máis duro e dos GAL.

Advertencia: As cancións… é unha obra de teatro.

sermos-2-e1495472767781.jpg

Compúxena sobre os mesmos alicerces que sosteñen a miña obra anterior, desde Matalobos e Lugar a Unha corrente salvaxe: palabra, personaxe e estrutura. As cancións… empeza, continúa durante un cento de páxinas –sen perder de vista os conceptos de progresión e xiro dramático- e finalmente acaba, nun punto que coñezo desde que comezo a redactar o texto.

Como acaba isto? Contesto esta pregunta antes de empezar a escribir.

Os personaxes de As cancións… son contraditorios e escorregadizos –defínense tanto polo que din coma polo que calan-, pero queren conseguir cousas, teñen un obxectivo. Iso é o que fai que a trama avance. Ao final triunfan ou fracasan. Cando cae o pano, nin eles nin nada ao seu redor é como era ao principio.

A palabra é o vehículo no que transitan todos os elementos do relato: a información, a acción e a emoción.

Segundo o meu diario, a idea de As cancións… nace no verán de 2012, despois de ler nun xornal unha reportaxe sobre os encontros entre terroristas e familiares de vítimas que promovía a Vía Nanclares para a reinserción de presos de ETA.

Culpa, perdón, redención…

E de novo –coma en Unha corrente salvaxe e Chegamos despois a unha terra gris-, as zonas escuras da alma humana. (Por un momento sinto a tentación de escribir que estas obras exploran a maldade na xente corrente, pero non, ocúpanse de algo máis tanxible e común: da nosa capacidade para facérmonos dano). En definitiva, máis que a cuestión independentista, máis que a dimensión política do conflito, o que me atraía era a súa dimensión humana. Para volver á familia, á parella, ás relacións entre pais e fillos. E á mentira.

Primeiras cuestións: Que espera escoitar unha vítima de ETA da boca do seu vitimario? E o vitimario da súa vítima? É posible o perdón? O arrepentimento será de verdade sincero? Cal é a distancia que media entre os desexos de xustiza e os desexos de vinganza? Foi ETA sempre un problema? Foino sempre para todos?

“Hoxe creei un documento de word titulado Un don gratuíto”, anoto o 24 de outubro de 2012 no meu diario. Aquel título provisional facía referencia ao perdón. O título definitivo da obra reférese ao factor hereditario como unha das causas da prolongación do conflito no tempo.

Até entón –outubro de 2012- e aproximadamente durante tres meses, funme documentando sobre o tema. Todo eran preguntas: sobre as datas, sobre os métodos, sobre os mortos e os presos… Paralelamente, comecei un proceso de exploración mental das posibilidades narrativas da idea, un proceso que pode acabar en simple ideación da obra, sen resultado material ningún. Pero en novembro xa estaba escribindo os primeiros diálogos.

Antes de continuar cómpre darlles resposta a tres cuestións fundamentais –quen, que e por que agora- e determinar a liña argumental da obra:

Brais, un mozo que leva anos intentando descubrir o segredo que se agacha trala desaparición da súa nai cando el era neno, crúzase no camiño de Rosalía, que vén de saír do cárcere no que cumpriu condena por matar dúas persoas nun atentado terrorista.

A partir de aquí só hai que preguntarse qué pasa a continuación. E conseguir que o lector se faga esa mesma pregunta.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s