Raúl Dans gaña o II Premio Laudamuco de textos teatrais

Esta  é a segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, co dobre obxectivo de incentivar a escrita teatral en galego e conmemorar a estrea, o 16 de maio de 1978, de Laudamuco, señor de ningures de Roberto Vidal Bolaño, considerado o momento fundacional do teatro profesional galego.

O xurado que lle outorgou o premio a Raúl Dans pola obra Só un home bo estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva. Sobre a obra gañadora, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.

Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”.

 

Deixar un comentario